
OPHIUSA
Se no seu debut discográfico –Paos, finalista nos Premios de la Música 2008 na categoría de mellor canción cantada en galego– Ophiusa traballaba con ritmos existentes na música popular global (reggae, bluegrass) ademáis dos ritmos que son propios do noso país (muiñeira, xota), no seu novo traballo, Sen Planeta, a música de Ophiusa da un xiro cara á contemporaneidade. Gravado nos seus propios estudos (Pink), o disco foi facturado con total liberdade, sen présas e cun certo afán experimentador. De novo, os temas incluidos no disco son compostos na súa totalidade. Cómpre sinalar o apartado de colaboracións de Sen Planeta: Ophiusa conta neste disco con representantes do máis alto nivel instrumentístico, e de persoeiros sobradamente coñecidos e recoñecidos na escea folk coma Bieito Romero (Luar na Lubre), Óscar Fernández (bOnOvO), Benxamín Otero (Linho do Cuco) ou o guitarrista Valentín Caamaño, entroutros. O grupo ten tocado nos máis salientables escenarios do eido do folk, tales como o “Escenario Runas” do Festival de Ortigueira ou o Eisteddfod de Llangollen (País de Gales).

O Festival Intercéltico do Morrazo chega este verán á súa XXVIª edición. Comeza a súa andaina no ano 1985 como altofalante de proxectos folk de carácter local, que anos despois darían os seus froitos en forma de figuras de tala internacional coma Xosé Manuel Budiño. Foron tres as diferentes localizacións nas que se ten celebrado, e miles de persoas, chegadas de todo o mundo, as que teñen gozado da música de primeira calidade que nel se ten ofrecido.
Polo Festival Intercéltico do Morrazo teñen pasado grupos tales como The Chieftains, Shooglenifty, Gwendal, Alan Stivel, Liam O’Flynn, La Ciapa Rusa, Gaiteiros de Lisboa, Kepa Junkera, Amancio Prada, Brath, Matto-Congrio, Miladoiro, Berrogüetto, Luar na Lubre, Xosé Manuel Budiño, Na Lúa, Leilía, Emilio Cao, Mercedes Peón, Cristina Pato ou Susana Seivane, entre moitos outros.