
JOHN McSHERRY
John McSherry é o intérprete de uilleann pipes ou gaita irlandesa máis aclamado do mundo: fundador dos xa míticos Lúnasa, entre outros grupos de música tradicional, a súa arte na improvisación ten sido comparada en numerosas ocasións coa do xenio do jazz John Coltrane. McSherry presentará no Festival Intercéltico do Morrazo o seu novo e agardado traballo discográfico, Soma.

O Festival Intercéltico do Morrazo chega este verán á súa XXVIª edición. Comeza a súa andaina no ano 1985 como altofalante de proxectos folk de carácter local, que anos despois darían os seus froitos en forma de figuras de tala internacional coma Xosé Manuel Budiño. Foron tres as diferentes localizacións nas que se ten celebrado, e miles de persoas, chegadas de todo o mundo, as que teñen gozado da música de primeira calidade que nel se ten ofrecido.
Polo Festival Intercéltico do Morrazo teñen pasado grupos tales como The Chieftains, Shooglenifty, Gwendal, Alan Stivel, Liam O’Flynn, La Ciapa Rusa, Gaiteiros de Lisboa, Kepa Junkera, Amancio Prada, Brath, Matto-Congrio, Miladoiro, Berrogüetto, Luar na Lubre, Xosé Manuel Budiño, Na Lúa, Leilía, Emilio Cao, Mercedes Peón, Cristina Pato ou Susana Seivane, entre moitos outros.