O Festival Intercéltico chegará no vindeiro verán a súa XXV edición. Foron tres as diferentes localizacións nas que se ten celebrado, e miles de persoas, chegadas de todo o mundo, as que teñen gozado da música de primeira calidade que nel se ten ofrecido.
Comeza a súa andadura no ano 1985, organizado pola Asociación Cultural Semente Nova, que foi no seu tempo a Banda de Gaitas máis representativa do noso país, representado a Galicia no mítico Festival de Lorient. Da escola de gaitas desta banda xurdiron realidades que anovaron o panorama do folk creativo de Galicia, como Xosé Manuel Budiño.
Na terceira edición, tendo en conta a repercusión social e organizativa que acadou, sería o propio Concello de Moaña o que tomaría as rendas dun festival que co paso dos anos se foi consolidando como referencia musical do mundo do folk, chegando a ser o máis veterano dos de Galicia, por ser o único celebrado de maneira ininterrompida durante vinte e cinco anos.
O festival foi declarado de Interese Comunitario polo Parlamento Europeo e de Interés Cultural polo Ministerio de Cultura en diversas ocasións e colaborou directamente coa organización dos mellores festivais de Europa como o de Lorient.
En edicións anteriores, organizáronse diversas actividades alternativas xuntamente co festival:
- Teatro
- Mostras de Baile Tradicional e Bandas de Gaitas de Galicia
- Exposicións
- Animación nas rúas
- Cursos e conferencias
- Regatas de traíñas, bateis, botes de remo, campionatos de fútbol, baloncesto, balonmán, paracaidismo, habilidade canina, etc...
- Festas gastronómicas
- Folk tradicional
- Folk evoluído
- Feira de artesanía
- Noites de música folk















